Rosalía de Castro escribiu o seu libro de poemas Cantares Galegos inspirándose nos cantares populares.
Pero… hai un poema no que fai o proceso inverso.
Escribe o poema pensando nunha música.
Así o especifica ela mesma nunha nota o pé da páxina: “A mais grande dificultade qu’achey prá escribir esta alborada foy o meu deseyo de que sahise nún todo arregrada á música…”
Varios eruditos e estudiosos andiveron na procura desa música primeira na que pensara Rosalía para escribir o poema.
Pero… non chegaron a un acordo de cal era a orixinal.
O título deste poema é Alborada.
Alborada
I
Vaite, noi-
te,—vai fuxin-
do.—Vente auro-
ra,—vente abrin-
do,—co teu ros-
tro,—que, sorrin-
do,—¡¡¡a sombra espanta!!!
¡Canta,
paxariño, can-
ta—de ponliña en pon-
la,—que o sol se levan-
ta—polo monte ver-
de,—polo verde mon-
te,—alegrando as her-
bas,—alegrando as fon-
tes!…
¡Canta, paxariño alegre,
canta!
¡Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.
Noite escura
logo ven
e moito dura
co seu manto
de tristura.
Con meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal.
¡Sal…!
Que a auroriña
o ceu colora
cuns arbores
que namora,
cun sembrante
de ouro e prata
teñidiño
de escalrata.
Cuns vestidos
de diamante
que lle borda
o sol amante
antre as ondas
de cristal.
¡Sal…!
señora en todo mal,
que o sol
xa brila
nas cunchiñas do areal;
que a luz
do día
viste a terra de alegría;
que o sol
derrete con amor a escarcha fría.
II
Branca auro-
ra—ven chegan-
do,—i ás porti-
ñas—vai chaman-
do—dos que dor-
men—esperan-
do—¡o teu folgor…!
Cor…
de alba hermosa
lles estende
nos vidriños
cariñosa,
donde o sol
tamén suspende,
cando aló
no mar se tende,
de fogax
larada viva,
dempois leve,
fuxitiva,
triste, vago
resprandor.
Cantor
dos aires,
paxariño alegre,
canta,
canta porque o millo medre;
cantor
da aurora,
alegre namorado,
ás meniñas dille
que xa sal o sol dourado;
que o gaiteiro,
ben lavado,
ben vestido,
ben peitado,
da gaitiña
acompañado
¡á porta está…!
¡Xa…!
Se espricando
que te esprica,
repinica,
repinica
na alborada
ben amada
das meniñas
cantadeiras,
bailadoras,
rebuldeiras;
das velliñas
alegriñas;
das que saben
ben ruar.
¡Arriba
todas, rapaciñas do lugar,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar!
¡Arriba!
¡Arriba, toleirona mocidad,
que atru-
xaremos—cantaremos o ala… lá…!!!
O mesmo que os gaiteiros espertan os veciños o día da festa coa Alborada, Rosalía nesta Alborada chama o espertar da conciencia, o espertar o mundo novo que chega.
O filólogo e escritor Anxo Angueira, que ademáis preside a fundación Rosalia de Castro, danos a súa visión do poema de Rosalía Alborada
SEIS VERSIÓNS DO POEMA DE ROSALÍA ALBORADA
1#. Os Gaiteiros de Soutelo
Os gaiteiros de Soutelo, en 1920, gravaron unhas cantas pezas entre as que está un arranxo para gaita da Alborada.
Esta será a fonte para moitos gaiteiros posteriores.
2#. Abe Rábade no disco Rosalia 21
Rosalía en clave de Jazz.
Os poemas de Rosalía traido o século XXI pola música de Abe Rábade Quartet e polas voces de Guadi Galego e Anxo Angueira.
3#. Uxía no disco Rosalía Pequeniña
No disco Rosalia Pequeniña Uxía fai unha versión ben fermosa do poema de Rosalía Alborada.
Se queres máis detalles sobre este disco podes mirar aquí
Neste video podes ver a versión de Uxía e Sergio Tannus que cantan na casa museo da escritora.
4#. Carlos Núñez na Alborada do Brasil
Das experiencias de Carlos Núñez na súa viaxe polo Brasil nace o disco Alborada no Brasil.
Nel tamén aparece unha versión do poema de Rosalía Alborada.
Na entrada do blog Carlos Núñez, 20 anos da Irmandade das Estrelas podes ver a súa discografía.
Esta é unha versión moi peculiar do poema Alborada que fai Carlos Núñez xunto coa cantante de hip-hop Wöiza
5#. Daniel Bellón
Daniel Bellón é un gaiteiro moi recoñecido con numerosos premios e cunha carreira impresionante.
É interprete, compositor, mestre… e actualmente forma parte do BellónMaceiras Dúo.
Daniel Bellón toca coa gaita Alborada no 176 aniversario do nacemento de Rosalía.
6#. Os Carapaus
Os Carapaus son un grupo de música tradicional formado en Santiago de Compostela no 2010.
No 2012 gravaron o seu primeiro disco Conservas de Música Tradicional.
Déixao andar…, o seu segundo traballo chegou no 2015.
Carapaus interpretan no Panteón de Galegos Ilustres o poema de Rosalía Alborada
QUE CHE PARECE
Gústache o poema?
Cal destas versións che gusta máis?
Coñeces algunha outra?
Xa sabes que nos podes deixar calqueira comentario máis abaixo, Anímate…!
View Comments (2)
Precioso traballo.
Todas as versións son bonitas e moi interesantes.
A min a que mais me gusta é a de Daniel Bellón, ¡como manexa os dedos....!
Moitas Grazas.
Sí, a verdade é que da gusto velo tocar...!
Nada... hai que seguir ensaiando a ver cando a tocamos así! Ja, Ja, Ja...