X

Este pandeiro que toco… NON TEÑAS MEDO QUE ROMPA!

O pandeiro é un instrumento moi primitivo, que consta dun marco de madeira recuberto dunha pel, e que se atopa principalmente no entorno mediterráneo.

En Galicia, nun tempo, debeu estar moi extendido,  proba disto é que é o instrumento máis mencionado nas coplas tradicionais.

Antigamente ó pandeiro cadrado chamábaselle adufe, pero este nome foi caendo en desuso e deuselle en chamar pandeiro, tanto ó cadrado como á pandeira redonda.

Co tempo foi desaparecendo ata a penas subsistir nalgún ricón afastado da nosa xeografía.

O pandeiro cadrado é un tambor de marco.

Para facer un pandeiro usamos un marco de madeira de 3 a 7cm. de ancho e entre 35 e 50 cm. de lado. Os cantos do marco redondéanse.

Recóbrese  cunha pel rectangular que se dobra sobre o marco e que vai cosida por tres dos seus lados.

No interior o pandeiro pode levar bordóns de corda de tripa, axouxeres , garavanzos…

As beiras do pandeiro adornábanse con fitas cravadas no marco , pompóns e incluso pode levar motivos pintados nas peles.

COMO SE TOCA O PANDEIRO?

O Pandeiro é un instrumento basicamente feminino que se usaba como acompañamento da voz para facer os bailes.

Para tocalo cóllese coa man esquerda por un dos seus lados, o dedo polgar queda pola parte de atrás e os outros catro dedos tocan a pel por diante.

Hai que sostelo casi verticalmente diante do peito e algo inclinado cara a esquerda.

A man dereita bate coa pel facendo os distintos ritmos, semellantes os que tocamos coa pandeireta.

CONSTRÚE UN PANDEIRO CASEIRO

Se tes dúbidas sobre se o pandeiro é o teu instrumento,  e queres probar antes de decidirte a mercar un, podes facer un tí mesmo.

O noso primeiro pandeiro fixémolo así, e non soa nada mal!

Precisas madeira para construir un marco cadrado e cinta de embalar para envolver todo o marco con ela.

E xa está…! Xa podes empezar a probar con este pandeiro!

Se descobres que este é o teu instrumento e xa queres un artesano, e feito a media, aquí podes ver os nosos pandeiros.

APRENDE A TOCAR OS DISTINTOS RITMOS

En internet podes atopar algúns recursos que che poden axudar na aprendizaxe deste instrumento:

  • ERICK FELES ofrece na súa canle de youtube unha serie de videos mostrandoche distintos xeitos de tocar o pandeiro e distintos ritmos.
  • XABIER DÍAZ na súa web oficial tamén nos da unhas leccións de como tocar o adufe.

COMENTA

Cóntanos:

  • Tocas o pandeiro cadrado?
  • Gustaríache facer un caseiro?
  • Estás aprendendo a tocalo?

Esperámoste nos comentarios.

Fontes documentais:
“Os Instrumentos musicais na Tradición Galega” de Pablo Carpintero

Guardar

Eloi e Pilar:
Related Post