As noites cada vez son máis longas, a escuridade vai en aumento e o frío tamén.
Os animaliños agóchanse nas súas toqueiras e moitas árbores perden as súas follas.
A natureza adormece…
Ata que chega un momento …. en que moi paseniño, case sen darnos conta a cousa comeza a cambiar.
O solsticio de inverno é o instante no que o sol alcanza o punto máis lonxano da terra, esto sucede, no hemisferio norte, entre o 20 e o 23 de decembro.
É un momento fugaz no que os días empezan a medrar,e pouquiño a pouquiño, vai habendo máis horas de luz e a terra comeza a quencer.
O despertar está presente, síntese no aire, o sol renace.
…Isto hai que celebrálo…! Non che parece?
A inmensa maioría das culturas antigas pensaron isto.
Así atopámonos con ofrendas a Nai Terra, os deuses, e rituais nos que o lume é o protagonista.
Cando o cristianismo se espallou por Europa fixo coincidir as súas festas con estas festas paganas que xa celebraba a xente.
O Nadal tradcional galego está fundamentado na tradición cristiá.
Os cantos sempre estaban presentes na liturxia relixiosa.
Pero amáis deste ámbito relixioso había un ámbito da música máis popular e folclórico. A xente xuntábase para celebrar e pasolo ben.
RECUPERA a tradición e canta no Nadal
Non hai tantos anos que nas aldeas e vilas galegas podíanse ver grupos de xente sair a cantar os cantos propios que había para cada día da festa:
1#. No Nadal
Os días 24 e 25 cantábanse panxoliñas, nadais, vilancicos, arrolos para facer durmir ó neno Xesús…
Cantos que falan da Sagrada Familia, do Nacemento de Xesús, da pobreza coa que nace…
Xesusiño está nas pallas
súa nai está con él
xunto a él tamén están,
o boi, a mula e máis Xosé.
E vamos a ver,
E vamos a ver
o noso meniño
que naceu cos ollos azules
e o pelo roxiño
Acende catro pallas e vámonos para Belén
cantarlle ron ron o neno
para facelo durmir ben.
Canto de Nadal de Bembibre
2#. Fin de Ano e Aninovo
Cántanse as Xaneiras, os Manueles e Aninovos entre os día 1 e 5 de Xaneiro.
A temática fai referencia a despedida do Ano Vello e a chegada do Aninovo.
O día 1 de Xaneiro tamén se cantan os Manueles para felicitarlles o Santo.
A xente do pobo ía visitar as casas dos Manueles cantando e pedindo un aguinaldo.
Por ser primeiro de ano,
día primeiro de xaneiro,
vimósche felicitar
coa frauta e máis o pandeiro.
Abre Manuel, abre Manoeliño.
Abre Manuel, quítanos o frío.
Manuel, Manoeliño,
non che pedimos nada,
pedímosche de favor
que te levantes da cama.
Abre Manuel, abre Manoeliño.
Abre Manuel, quítanos o frío.
As Xaneiras de Malvela
3#. Cantos de Reis
Cántanse o día 5 e día 6 Xaneiro.
Os mozos xúntanse para ir pedilo aguinaldo casa por casa.
O chegar piden permiso para cantar:
Licencia pido señores
se vostedes ma queren dar
para cantar estes reises
que imos escomezar.
Cando recibían o permiso cantaban coplas alabando á familia pedindo o aguinaldo.
O aguinaldo é unha composición breve na que se pide diñeiro ou calqueira outro donativo os donos da casa.
Desexamos os reises
anque sexan poucos:
un touciño enteiro
e metade do outro.
Aquí hai mociñas
que gastan chaqueta
e que nos han dar
a cada un súa peseta.
Aquí hai mociños
que gastan sombreiro,
e que nos han dar
un pesiño enteiro.
Desexamos os reises
se nolos han dar,
que somos de lonxe
e hai moito que andar.
Se os da casa foron xenerosos agradecíaselle pero se non recibían nada…
Cantámosche os reises
guedellos de cabra.
Cantámosche os reises
e non nos deches nada.
Somos os reises do quiquiriquí,
se non nos dás nada
cagámosche aquí.
No remate tódolos mozos se xuntaban para dar conta dos aguinaldos.
Noite de Reis cos Chichisos
COSTUMES DO NADAL GALEGO
Neste programa do Alalá faise un repaso do Nadal Galego
CONTANOS
Cal é a túa canción favorita do Nadal? ??
Vas sair a cantar os Reis este ano? ??
Cal das tradicións do Nadal che gusta máis?