Hoxe imosche contar como foi a nosa experiencia de construir un pandeiro cos nenos da ludoteca.
…Un día que andabamos pola Arca da Noe coincidimos con María.
María é a rapaza que xestiona a ludoteca de Xinzo de Limia, Ludoteca Ludo3. Así falando…conviduonos a visitala e tamén nos propuxo colaborar con algunha actividade na que poidesen participar os nenos.
Así que … pensando, pensando… ocorréusenos que podiamos facer un pandeiro. A idea é que fose algo moi sinxelo, usando materiais fáciles de conseguir e económicos.
O día previsto chegamos alí cunha caixa chea de ferramentas e materiais.
O espazo da ludoteca é amplo, luminoso, colorido e ten un montón de materiais e xogos para que os nenos experimenten con eles.
O que nos propuxo a María foi que comezaramos a sacar as cousas e nos puxeramos a traballar.
Os nenos fóronse achegando… pouco a pouco e con curiosidade. Os máis pequenos despois de botar un vistazo seguiron cos seus xogos pero os máis grandiños prestáronse voluntarios para colaborar.
A idea era que os nenos participaran en todo o proceso… medir, serrar, pegar, clavar, taladrar… Non vexas que ilusión lles fixo, eso sí… sempre coa axuda e supervisión dos adultos que estabamos alí.
Anímaste tí a colaborar cun neno para que constrúa o seu pandeiro…?
Se te queres animar a facer un pandeiro cos teus nenos aquí tes como facelo.
O pandeiro que imos facer ten unhas medidas de 35 cm por 35 cm de lado e da ancho 3 cm. Son unhas boas medidas para un pandeiro que vai usar un neno pero podes adaptalo as medidas que queiras. Ten en conta que que canto máis grande e ancho sexa máis grave soará.
Que precisas para facer o pandeiro?
Materiais:
- Listóns de madeira de 3 cm por 2 cm (Se tes un listón con outras medidas tamén pode valer)
- Cinta de embalaxe transparente
- Garavanzos
- Cola de carpinteiro
- Puntas
- Un metro
- Lixa
Ferramentas:
- Serra
- Martelo
- Taladro
- Cepillo
- Sarxento
Pasos que tes que seguir para facelo pandeiro
Primeiro Paso
O primeiro paso é cortar dous listóns de madeira de 35 cm de largo e dous de 31 cm. (35cm-2 cm-2cm=31)
Entón hai que medir co metro e marcar co lápis por onde hai que cortar.
Cando xa están as medidas tomadas, entón, precisades unha serra.
Os nenos poden participar cortando coa axuda dun adulto.
Cando xa temos os listóns preparados hai que collelo cepillo de man e arredondar os cantos dos listóns (só é preciso facelo nas beiras da fora, as que estarán en contacto coa cinta de embalaxe).
E despois co papel de lixa hai que lixar ata que a madeira quede ben suave.
Segundo Paso
Agora hai que unir os listóns para facer o marco do pandeiro.
Neste paso é importante a colaboración dos nenos, xa que hai que construir un cadrado de 35 cm. de lado e 3 cm. de ancho.
Así que a enrredar cos listóns ata que o consigades…!
Para ensamblar os listóns hai moitas técnicas pero ímolo facer do xeito máis sinxelo, que é usando cola de carpinterio nas unións e para que quede máis resistente ademáis cravando unha punta en cada unión.
O de poñer a cola e pegar os pequenos téñeno controlado…!
Para cravar as puntas tendes que facer un burato co taladro en cada unión (con unha broca moito máis fina que a punta). Tamén se pode cravar directamente sen facer o burato pero corredes o risco de que o listón rompa.
Pero antes de furar hai que montar o marco e suxeitalo cun sarxento, así faredes os buratiños no sitio preciso.
Os peque non poden usar o taladro sós pero sí lles podes deixar que acomoden a man xunto a túa para que sintan as vibracións… e aceleren un pouco… que iso sí que mola…!
Moi ben…! Xa tendes o marco do pandeiro!
Terceiro Paso
O marco está listo agora hai que colocar a pel… que neste caso será cinta de embalaxe.
Tendes que comezar por unha beiriña e irlle dando voltas de pouco a pouco.
Neste paso o importante é que a cinta quede ben tensa e que non faga enrrugas.
Unha vez que cubrades todo o pandeiro coa cinta, cortades e voltades a empezar pero esta vez dando as voltas no sentido contrario. Este proceso faise como mínimo tres veces.
Et voilá…! Xa tendes un pandeiriño ben xeitoso!
No ratiño que estivemos alí conseguimos facer dous pandeiriños que quedaron na ludoteca para que os pequenos vaian practicando con eles.
Agora toca aprender a tocalos…!
Queres garavanzos…?
Outra cousa que se pode facer é porlle garavanzos dentro.
O problema dos garavanzos e a cinta adhesiva é que se quedan pegados por adentro e non soan. Pero atopamos un solución…! Antes de por a cinta de embalaxe envolvemos o pandeiro con film plástico transparente (do que se usa na cociña) e así xa poden soar os garavanos perfectamente.
Cóntanos
Que che parece esta actividade?
Como ves que os nenos poidan usar as ferramentas e participen en todo o proceso?
Anímaste a facelo?
Podes deixarnos as túas respostas e comentarios máis abaixo.

