Hoxe queriamos amosarche algunhas pandeiretas e pandeiros que andivemos a facer.
A ver que che parecen…!
Pandeiretas e pandeiros SonDePau. Mira, mira…!
1#. Pandeireta de cerdeira escurecida
Se che gustan as pandeiretas cun acabado natural da madeira e sen adornos, esta é unha pandeireta feita con madeira de cerdeira escurecida.
É unha pandeireta sinxela pero con moita personalidade.
2#. Pandeireta de cerdeira con detalle de fror
Se pola contra che gusta que a pandeireta teña un detalliño especial, esta tamén é de madeira de cerdeira ó natural pero leva unhas pequenas frores pirograbadas.
3#. Pandeireta cunha soa fiada de ferreñas
É de madeira de bidueiro.
Está tratada no exterior con nogalina para escurecer e o interior é natural.
O acabado final é con aceite de Thung.
Levamos un tempo probando este aceite e cada vez nos gusta máis os resultados e as posibilidades que ten.
Esta pandeireta ten cinco pares de ferreñas postas nunha soa fiada.
Andamos probando con estas ferreñas que teñen un corte cadrado e están tratadas con betún de xudea.
É unha pandeireta moi lixeiriña e cun son que nos recorda os chocallos das vacas camiño do monte.
4#. Pandeiretas ying e yang
E a tí que che gusta máis un acabado natural ou un acabado máis moderno ?
Estas dúas pandeiretas son o ying e o yang porque contrapoñen os acabados máis modernos, con pinturas e tintes acrílicos e os máis tradicionais con aceites e tintes naturais.
O tradicional está representado por unha pandeireta de madeira de cerdeira tratada só con aceite Thung, e coa pel escurecida con nogalina.
E a máis moderna é unha pandeireta de madeira de bidueiro pintada en branco con detalles de frores en lila.
As ferreñas tamén están pintadas nos mesmos tons, cunha pintura especial para metais e de forte adherencia.
Os sons tamén son o ying e yang.
A máis tradicional ten un son máis agudo, máis brillante.
E a outra ten un son máis suave e máis apagado.
5#. Pandeiro afinable con tensado con fío encerado
Tes que andar sempre arrimando o pandeiro a un radiador para que se tense un pouco antes de tocar…?
Este pandeiro ten un cosido lateral que permite unha certa afinación tensando os fíos a modo de arochos.
6#. Pandeiro afinable con cámara de bici
Este outro afínase hinchando, cun bombín, a cámara de bici que leva arrededor.
Da moito xogo á hora de afinar conseguindo un amplo abano de tonalidades.
Tamén estamos probando un sistema para que, colocando o pandeiro dun xeito ou doutro, os garavanzos que leva no interior, e que lle dan un son abordoado, soen máis ou menos.
7#. Pandeiro con borlas de cores
Este é un pandeiro cun cosido en espiga e adornado cunhas borlas de cores.
Facendo este pandeiro démonos conta de tódalas posibilidades que hai tamén á hora de engalanar os pandeiros.
E entramos en contacto co mundo das borlas, pompóns, puntillas, encaixes e demáis abalorios.
QUE CHE PARECE
Cóntanos,
Que che parecen estas pandeiretas e pandeiros?
Gustache máis o acabado máis natural ou máis moderno?
Prefires un pandeiro sinxelo ou con algún adorniño que lle aporte algo de cor?
Podes deixar o teu comentario máis abaixo.
A min gústanme mais de xeito tradicional, supoño que influe bastante a idade.
Pero de todos os xeitos, cada día estadesvos superando na calidade do voso traballo.
Grazas Manolo,
A nós tamén nos gusta o acabado máis tradicional, é apostar polo seguro.
Pero… tamén temos gusto por experimentar cousas novas.
E os experimentos unhas veces saen ben e outras aprendes…!
Un saudo
É TODO VERDADEIRAMENTE FERMOSO. CERTAMENTE QUE SÍ. UNHA FONDA APERTA.
Home Xurxo! Que tal?
Moitas grazas polas túas palabras, comentarios así animan moito.
Unha aperta ben grande para tí tamén.
Moitos parabéns e non o digo só polos pandeiros con borlas! 🙂
Agradécese moito o entusiasmo que nos transmitides polo voso traballo e o ben que explicades todo o proceso de elaboración.
Un pracer coñecervos!
Moitas grazas Marta…!
Un pracer tamén saber de tí!
Noraboa rapaces!! Sodes una artistas..xa sexan as tradicionais ou as novas propostas son un luxazo!! Eu quería saber cómo poido facer para comprar unha?? Feliz año…e seguide facendonos disfrutar con todo o que facedes!!
Ola Ramy, moitas gracias pola túas lindas palabras, así da gusto comezar o ano…!
Se queres encargar algunha cousiña podes pasar polo taller se vives preto de nós (Estamos no Concello de Porqueira, o sur de Ourense). Se non, podes escribirnos através do apartado “fala con nós” da nosa web (https://www.sondepau.com/fala-con-nos/) e ahí podes contarnos o que queres.
Outro xeito é polo teléfono no número é 628841340 podes chamar ou mandar whatsapp.
Un saúdo e que teñas un boísimo ano 2019 cheo de alegrías…!